Museo das crenzas máxico relixiosas de Galicia

Deseño e execución do plan museístico e elaboración da nova colección permanente do Museo Etnográfico Casa do Patrón: “Líbranos do mal”. Mostra expositiva na Capela, o novo edificio do museo, que amosa, a través dunha escolma de obxectos, de imaxes e de textos, a parte do patrimonio inmaterial galego vencellada ao mundo das crenzas, do mítico, do relixioso e do máxico. A mostra estrutúrase en cinco categorías: a protección (das persoas, da casa e da facenda), a curación, os ritos propiciatorios, as crenzas máxico-relixiosas e a relixiosidade popular. A exposición museística conta con 13 vitrinas onde se expoñen amuletos, obxectos relixiosos, elementos curativos, armas simbólicas e representacións de ritos curativos, protectores e esconxuradores, así como obxectos vencellados á ritualística e ás crenzas da relixión católica. A mostra complétase coa recreación do gabinete dunha curandeira galega e a réplica dun peto de ánimas feitos pola artista e compañeira Miryam Quintía, unha escolma de obxectos e traxes asociados ao entroido, dous papamoscas e os elementos e imaxinería propia dunha capela católica e a exposición fotográfica de Roberto de la Torre. O deseño da colección e a dirección do plan museístico correu a cargo do antropólogo e compañeiro Rafael Quintía. Proxecto realizado por Ab Origine. Antropoloxía e promovido polo Museo Etnográfico Casa do Patrón, Doade (Lalín). Ano 2021.