Valentín G. Bóveda

É manager comercial, especialista en turismo activo e en proxectos sobre a Memoria Histórica, Dereitos Humanos e posta en valor do patrimonio. Formado en dirección comercial con estudios en Dirección e Xestión Pública (UVigo), ten experiencia como formador en xestión de equipos comerciais en empresas multinacionais.

É vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, para a preservación da memoria democrática, e membro da Coordinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina (CEAQUA) para xudicializar os crimes do Franquismo. Dende o ano 2000 vén publicando artigos de opinión en diversos medios de comunicación e participando en actos e debates públicos en calidade de experto e asesor. Participou en programas de axuda humanitaria na ex-Iugoslavia, ao amparo da ONU e da IFOR, como parte das misións de paz especializadas na asistencia a desprazados.

No campo do patrimonio e do turismo cultural e activo é presidente da Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido (Terra de Montes, Galicia) e foi membro do consello de dirección do Centro Etnográfico da Terra de Montes (CETMO). Traballou como monitor especialista en deportes de aventura en empresas como Turnauga e leva vinte anos colaborando con entidades para a defensa do patrimonio natural e cultural.

Respecto á realización audiovisual, traballou en produción de cine, televisión e música (Sogecine, Himenóptero, Pórtico, XXL Producciones) en películas recoñecidas internacionalmente como “Mar adentro” (Alejandro Amenabar, 2004), “La promesa” (Héctor Carré, 2004), en eventos musicais como “Cultura Quente” ou o “Festival de Jazz de Vilalba”, e como asesor en producións documentais e de ficción como “A fazaña da liberdade” (Senén Outeiro, 2013) ou “Longa noite” (Eloy Enciso, 2018).