Pili Silva Moruja

Diplomada en Traballo Social; Certificado de Aptitude Pedagóxica pola Universidade de Santiago; Técnica en Prevención de Riscos Laborais de Nivel Superior (especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada); Directora de Tempo Libre e titular da Carta de Artesá, concedida por Resolución da Dirección Xeral de Promoción Industrial da Xunta de Galicia.

Conta cunha dilatada experiencia como Traballadora Social, como docente e educadora e Directora de Tempo Libre. Posúe, ademais, unha ampla formación en Igualdade. Ten cursado estudos de Antropoloxía. Especialista en atención sociosanitaria, en atención a persoas en situación de dependencia, en materia de igualdade, en desenvolvemento evolutivo, estimulación cognitiva, educación emocional e intervencións con familias en situación de especial vulnerabilidade, asemade de en proxectos educativos de lecer e tempo libre.

Como Traballadora Social ten exercido como responsable da área de Traballo Social en entidades de atención sociosanitarias a persoas en situación de dependencia e no desenvolvemento e implantación de proxectos educativos e de lecer. Como Orientadora Laboral traballou no Programa Integrado de Emprego da Asociación da Área Empresarial do Tambre (2022).

Dende o 2006 exerce como docente impartindo formación profesional regrada nos ciclos superiores de Integración Social, de Educación Infantil, de Animación Sociocultural e Turística e no Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia. Dende o 2010 tamén é docente impartindo os Certificados de Profesionalidade. Como educadora ten impartido 3.800 horas en accións formativas para persoas desempregadas e 2.470 horas impartidas en diferentes formacións no ámbito da educación non formal. É autora de catro libros de formación sobre atención sociosanitaria a persoas en situación de dependencia e sobre actividades educativas de tempo libre.

Como Directora de Tempo Libre, ademais da dirección de campamentos, programas e actividades, foi responsable da xestión de programas de lecer infantil e xuvenil en diferentes escolas de tempo libre. Foi coordinadora do Instituto de Formación Extraescolar de Galicia, levando a xestión de actividades e coordinación de equipo de monitorado.