O Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras é un proxecto innovador e pioneiro executado e xestionado pola Comunidade de Montes de Salcedo que pretende ser un referente dos proxectos de posta en valor do patrimonio nacidos, realizados e xestionados pola comunidade civil. O parque está concibido como un espazo didáctico onde achegarse en plena natureza ao coñecemento da cultura, do patrimonio e da historia de Galicia, con especial foco nos usos, funcións e ocupacións do monte dende o pasado.
Ab Origine. Antropoloxía deseñou un programa didáctico de actividades especialmente pensado para que os participantes poidan achegarse a algúns dos aspectos máis significativos das culturas prehistóricas que se desenvolveron en Galicia. Un xeito de aproximación ao coñecemento que queremos que sexa lúdico e participativo á vez que didáctico e enriquecedor. Os contidos destes programa baséanse nos coñecementos antropolóxicos, arqueolóxicos e históricos que temos daquelas primeiras sociedades humanas do Neolítico, Calcolítico e Idade do bronce, aínda que adaptados ás diferentes idades dos participantes e buscando sempre unha vía dinámica, participativa e divertida de aprender e aprehender estes coñecementos.