Rafael Quintía Pereira

Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, Doutorando en Historia Contemporánea, Máster en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional na especialidade de Xeografía e Historia, Técnico en Prevención de riscos laborais, Director de Campos de Traballo e Director de Actividades de Ocio e Tempo libre. Exerce como antropólogo profesional na empresa Ab Origine. Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural S.L.L., da que é socio fundador e administrador. Ademais é profesor-titor na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), onde imparte as materias de Antropoloxía Cultural, Antropoloxía das Relixións, Antropoloxía Económica I e Psicoloxía Social.

Compaxina a súa faceta de antropólogo e profesor coa de guía nacional e internacional en viaxes culturais para tour operadores europeos e coa de Director de Campamentos e de Campos de Voluntariado Internacionais. Traballou, ademais, como Axente de Desenvolvemento local e no ámbito da empresa conta con doce anos de experiencia en xestión comercial, comercio exterior, compras e loxística.

Especialista en patrimonio inmaterial e proxectos de posta en valor do patrimonio. Investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia. As súa liñas de investigación céntranse, fundamentalmente, no patrimonio inmaterial. O seu traballo de investigación ten sido galardoado con cinco premios de investigación e ensaio: Premio de Investigación Xermade na Historia (2019), Premio Ferro Couselo de Investigación (2017), Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e Premio de investigación Luís Cuadrado (2010). É autor de máis de vinte libros, de varias obras colectivas e dun centenar de artigos. No campo da antropoloxía visual realizou once documentais etnográficos e históricos.

É membro do Observatorio Internacional de Cátedra UNESCO da Universitat de València (Comité de Europa), membro fundador e Presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO) e membro e Responsable de Patrimonio da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo (Pontevedra).