Escola de Antropoloxía

A Escola de Antropoloxía é un proxecto didáctico creado polos antropólogos Rafael Quintía e Miguel Alonso para a formación no eido da antropoloxía social e cultural e para a divulgación e fomento da ciencia antropolóxica e do patrimonio cultural, facendo especial fincapé no coñecemento da cultura e da antropoloxía galega, así como na utilidade social desta ciencia.

A Escola de Antropoloxía nace como un proxecto alternativo para a formación antropolóxica, destinado un público en xeral, non especializado na materia, pero cun especial interese na formación nestes eidos do coñecemento cultural. Queremos contribuír a expandir o coñecemento antropolóxico como factor fundamental de transformación social e achegalo á xente, insertando a reflexión antropolóxica no cotiá. Ademais, o proxecto Escola de Antropoloxía ten un especial interese na formación da infancia e da mocidade e tamén na formación dos docentes de Primaria e Secundaria como potenciais transmisores á mocidade de moitos destes contidos antropolóxicos e culturais.

Que ofrecemos:

CURSOS
SEMINARIOS
OBRADOIROS
CHARLAS DIDÁCTICAS
CONFERENCIAS
FORMACIÓN ESPECÍFICA

Ofrecemos diferentes liñas formativas que van dende os cursos especializados ata as charlas didácticas, pasando por obradoiros, roteiros culturais interpretados, conferencias, clases extraescolares ou cursos de extensión universiataria.

Traballamos con centros de ensino, universidades, asociacións, centros cívicos, administacións públicas, colectivos de diferente índole e con particulares interesados na antropoloxía e na investigación etnográfica.

Dispoñemos de aula propia perfectamente equipada para impartir os cursos e facer as nosas actividades, seminarios e obradorios.